13 A vida relixiosa

13 A vida relixiosa

Onte foi  a festa do  Corpus en Vilanova.  Coma todos os anos  celebrárona moito.
Inda ben non era día  estalaron  os primeiros foguetes. Hogano como son mordomos  os do Toxal e  teñen algo de  xenreira  cos da Hermida,  os mordomos do ano  pasado, con aquel de non ser menos,  queimaron pólvora a esgaia.
Cos estoupidos  espertaron  os nenos da  aldea  e   vestíronse  ás carreiras por ver quen chegaba antes a apañar as canas dos foguetes.  Lelo xuntou cinco.
Despois do almorzo, tanto Lelo coma Pedriño, Rosiña e  os demais rapaces da súa edade, tiñan cita na igrexa co señor cura. Habíalle que dar un repasiño antes da misa á  doutrina, pois hoxe, por se non volo dixen, estaban de primeira comuñón.
-A ver, Pedriño, dime o  Noso Pai.
- "Noso Pai  que estás no Ceo: santificado sexa  o teu nome, veña para nós o teu Reino e fágase a túa vontade aquí  na terra coma no  Ceo.  O noso pan de cada día dánolo  hoxe, e  perdóanos as nosas ofensas coma tamén perdonamos nós a quen nos ten ofendido: e  non nos deixes caír  na tentación, mais deféndenos do mal. Amén."
-Fai  o sinal da Santa Cruz, Lelo.
-"No nome do  Pai, e  do Fillo e  do  Espírito Santo".
-A ver, Rosiña, a  Avemaría.
- "Ave María, chea de gracia, o Señor está contigo. Ti   es a máis bendita de  tódalas mulleres, pois bendito é o froito das túas entrañas, Xesús. Santa María, Nai  de Deus, prega por nós, pecadores, agora e  na hora da nosa morte. Amén "
Despois das dez  e   media confesaron.  Confesaron co  cura de Rebordela, pois ao  de Vilanova   déballes vergoña dicirlle  os pecados.  Segundo  ían rematando, saían como lóstregos para as súas casas a poñer  os  traxiños novos.
Ás doce e  media empezou a chegar a  xente ao  adro da igrexa, xa que é  unha era a misa.  Os homes  quedábanse fóra a contos, e    as mulleres entraban a rezar unha estación, a pasar polo confesionario ou a mirar que ben adornara todo  a muller do sancristán.
Ao  mesmo tocar a campá  a derradeira vez, entraron  os homes.  Uns quedaron abaixo, atrás, e   outros subiron á   tribuna.
A  misa tivo momentos moi  emocionantes, sobre todo cando os nenos comungaron e  cando o  señor cura lles predicou  aos feligreses.  Houbo mulleres a quen se lles arrasaron os ollos de auga.
Para remate houbo procesión arredor da igrexa.  O tío Colás do  Toxal (o mordomo)  e  os fillos levaban o palio.  Entre  os outros rapaces da parroquia, en grupos de a catro, a San Antonio, á  Virxe  das Neves e  a San Isidro.  Mentres estalaban os foguetes dicía para si o  tío Colás:
-"Desta ha de aprender Pepe da Hermida como se  fai  unha festa".
Á  saída da misa poxaron dúas linguas de porco, un lacón, dous galos e  polo menos unha ducia de galiñas a repartir entre  as ánimas e  san Antonio. Os nenos, mentres, repartían recordatorios da primeira comunión.  Vede  o que di  o do Lelo:
"Lelo Souto Seoane, recibiu  por primeira vez o  Pan dos Anxos, de man  do reverendo don Raúl Méndez Figueras. Vilanova, 13 de xuño".

Contact Us

Juan A. Thomas, Ph.D.

Juan A. Thomas, Ph.D.

Associate Professor of Spanish, Chairman of the Foreign Language Department
1600 Burrstone Rd
Utica, NY 13502
jathomas@utica.edu
(315) 792-3028

I would like to see logins and resources for:

For a general list of frequently used logins, you can also visit our logins page.