16 O campo e o traballo

16 O campo e o traballo

Capítulo 16


O campo e  o traballo Henrique ten moitos amigos.   Desque principiou a estudiar na Universidade, lévase moi ben con Carlos, un compañeiro da parte de Ourense, fillo de labregos. Ao  remate do curso, Carlos vaise para a aldea.  El é unha axuda esencial na casa, neste tempo no que tantos labores hai que facer.  O pai e  o irmán máis novo non son quen para atenderen a todo.

En xuño, mesmo chegar, ten o pai as gadañas crabuñadas e  vanse os tres homes ao   prado da Perulleira segar a herba.  No prado da Veiga meten a segadora, pero este, como é  tan costo, teñen que segalo á man.  Carlos xa vai cheo de lle predicar ao  pai que as terras onde non entran as máquinas é mellor deixalas a ermo. O pai non vén a rego.  Sempre di que por máis herba non ha de ser máis mal ano.

Sobre das doce, gadañado xa o prado todo, que non é  grande, collen cadansúa galleta e extenden ben a herba para que lle entre o sol.  Ao   outro día revólvena e   ao   terceiro xúntana toda.  Hogano sacaron cinco carros, foi moita a sequía; pero eu lémbrome ata sete ou oito cando se lle coidaba ben a rega.  Ao   caír a tardiña, xunguiron as vacas e  apuxéronas ao  carro.  Carlos chamaba unha parella, anque case non podía coa aguillada, tantas eran as maniotas que tiña.  Di verdade o refrán:  "Quen non está afeito a bragas a costura faille chagas".

Poucos días despois empeza a seitura.  Agora non pon medo porque se sementa pouco, pero antes, que se cavaban searas no monte de ata trinta ou corenta ferrados, a cousa non era de cobiza.  Na terra de Carlos que é  ribeirá, deseguidiña veñen a maduro o trigo e  o centeo.  Na feira do san Pedro mércanse os fouciños, porque mesmiño empezar xullo séganse as primeiras pallas.  O irmán de Carlos di que a el isto non lle vai, que xa está farto de afouciñar, retorcer vincallos, atar monllos e  dalos para a meda , e  por riba ter que mallar, que é  o que máis rabia lle dá.  "Se non compran un tractor -di- voume para Alemania".  O pai e a nai de Carlos, mentres non ven o gran nas tullas, non dormen tranquilos.  Din que non se está libre nunca dunha saraibada que debulle as espigas nas leiras.

Despois da malla, Carlos xa non colle outra ferramenta na man.  Como lle quedou a Patoloxía, dedícase ao   estudio, que xa falta pouco para os exames.  Namentres, o pai e  o irmán sacan o esterco para sementar os nabos, aproveitando que veu unha tormentiña e  xa ten lentura a terra. Estercan forte para que cabecen e  boten boa nabiza. É  de lei o refrán do avó  de Carlos: "No estercar e  no sachar non debes reparar, se queres colleitar". Polo xaneiro arriba comenzan a encanar e  botar grelos.  Ao   entrar a primavera, florecen.  Cada chanteira dá  ao   menos cen floriñas marelas.

Para acabar de facer o verán inda hai que coller as patacas.  Hogano hainas a mancheas.  Agradeceron a sacha que lles deron na primavera.

-¡Quen verá  aos meus cochiños e  cuxos!- dicía a nai de Carlos cando vía o celeiro tan cheo-.

Pois veremos onde gardamos o millo - dicía o pai, que xa o están comendo as pegas na leira da agra, e  eu sen probar a broa e   as papas non quero pasar.

O día doce de outubro, Carlos tivo que marchar de novo para Santiago.  Ía pensando no ledos que quedaban os seus con tanta fartura.  Cando o coche subía e  baixaba as costas da beira do Miño, miraba para os viñedos e  para o acuguladas que estaban as cepas cos acios madurecidos.  Daquela acordouse do cantar que aprendera de pequeno e  cantaruxaba polo baixo:
-Vendimai, vendimadores
na vendima do meu pai;
o viño vai na cabaza
e  o pan na cestiña vai.

Contact Us

Juan A. Thomas, Ph.D.

Juan A. Thomas, Ph.D.

Associate Professor of Spanish, Chairman of the Foreign Language Department
1600 Burrstone Rd
Utica, NY 13502
jathomas@utica.edu
(315) 792-3028

I would like to see logins and resources for:

For a general list of frequently used logins, you can also visit our logins page.