17 As plantas

17 As plantas

Capítulo 17  As plantas

   O tío Pepe está detrás da casa enxertando maceiras.  Cunha  navalla está labrando na casca para facer un enxerto de escudo. É  raro que non lle prendan.  Ten todo o terreo cheo de árbores froiteiras.  Ao  pé  da casa ten dúas figueiras, e  pegados á parede tres limoeiros que están así defendidos do aire frío do norte.  As pereiras tamén son delicadas e  raro é   o ano que maduran todas: teñen nas ponlas cadolos que lles tiraron os rapaces para derrubar algunas peras.  As cerdeiras danse ben, o mesmo cás ameixeiras; as cereixas empezan a vir polo San Xoán, e  hainas que coller á man, non coma os abruños que abondan con sacudir  o abruñeiro para ter o chan cheo deles.  Contra os muros da horta hai fatoeiros cunha martabela na punta para escorrentar os paxaros.  Pero o que mellor se dá son os pexegos e  as mazás de tarde.  Mesmo diante da casa hai dous bacelos facendo unha parra que dá boa sombra no verán.

Non é   só das froiteiras do que ten tino o tío Pepe.  Mira moito polos montes, nos que hai de todo.  Nas chousas, polo medio das toxeiras, hai piñeiros, aínda que duns anos para acó planta moito eucalipto, procurando vender os carballos, que tardan moito en medrar e  matan a cría nova; non os deixa senón na fraga, onde están mesturados con bidueiros.  Nos prados, polas beiras, conserva freixos para facer eixos, e  vimbieiros para facer paxos e  cestos.

Na ribeira, ten un souto de castiñeiros, que no tempo das castañas, cando empezan os magostos, hai que ter de ollo. Por isto o tío Pepe non corta as silveiras dos muros e  procura choer as boqueiras con ponlas de abeleira ou salgueiros  cortados polo pé.  Non contento con iso, bótalles derriba unha gabela de silvas ou de toxos.

Na semana que vén terá que ir  ao  monte, pois vendeu un pinar e  irán os cortadores cos seus machados e  tronzóns a serrar todo o día. É  boa madeira; as toradas serán case todas elas de rolla e  haberá moi pouco puntal.  De paso cernará unhas ponlas dun loureiro que lle fan sombra á leira dun viciño.

A nora, Rosario, xa lle ten encargado que traia pinaretas para acender o lume; el dille que o que fai falla son uns bos rachóns de carballo seco, que arden coma resina e  terman do lume.  Ou, mellor, uns cepos.

Lelo opina que o mellor é  meter  unhas poucas landras no unllar, que medren, e  de alí para o lume.

Contact Us

Juan A. Thomas, Ph.D.

Juan A. Thomas, Ph.D.

Associate Professor of Spanish, Chairman of the Foreign Language Department
1600 Burrstone Rd
Utica, NY 13502
jathomas@utica.edu
(315) 792-3028

I would like to see logins and resources for:

For a general list of frequently used logins, you can also visit our logins page.