18 Os animais

18 Os animais

Capítulo 18  Os animais


  Lectura Os animais   Hoxe imos ir  co Lelo á escola.  Tocan Ciencias Naturais. Atendamos a ver que pasa:
-Cando chega a primavera- explica a mestra-, parece que esperta todo.  ¿Vistes como buligan os lagartos nos penedos, e como petan os petos nos carballos e como brincan os saltóns de herba en herba?  Todo o que estivo esmorecido polo inverno revive coas primeiras raioladas de sol.
-Pois hai algúns bichos que saen máis de inverno ca agora-dixo un neno-.
-Iso é porque de inverno non teñen que comer na serra, e achéganse máis ás casas.  Á raposa gústanlle moito as galiñas, pero mentres atope lebres, denociñas, ratos, melros ou perdices (que cando non é de inverno  andan moito), non baixa ata o galiñeiro por medo ao can.  Tamén lle pasa así   ao lobo.
   Tódolos bichos teñen algún misterio para os nenos e, como a profesora lles ten dito que cando haxa algo que non saiban llo pregunten, todos son a preguntar.
-¿E por que andan de noite os morcegos? - preguntou Toñín do Xastre.
-Andan de noite ou en sitios escuros, porque na escuridade é onde mellor cazan.  De día hai moito barullo e, como eles cazan de oído porque son cegos, buscan o silencio da noite, das espenucas ou mesmo das cortes.  Onde oian rumbar unha mosca, un mosquito, un tabán, alí  están para atrapalo.  Tamén andan de noite as curuxas que, aínda que teñen un cantar tan medoñento,  son moi beneficiosas para a agricultura.  Sei dun niño dunha e  cando o vou ver sempre ten toupas e miñocas, que pillou a noite antes.  Estes paxaros téñen os ollos axeitados para ver de noite.  Hai outros bichos que tanto ven a unha hora coma a outra, pero queren mellor andar polo luar.  Deses, é un porco teixo que vén todas as noites aquí, ao millo do Caseiro.
-Profesora, ¿que comen as cobras? - preguntou Lelo-.
-Sapos, que o vin eu - dixo Susiño de Rego-.
-e   ras e  píntegas e  troitas e  paxariños- engadiu a profesora-.  Os paxaros, só con ollar para eles, xa os adormentan.  Despois, píllanos como queren.
-¿Onde van de inverno as anduriñas?- preguntou Rosiña de Saavedra.
-Van a África. Cando veñen os primeiros fríos vanse a terras máis quentes.  Pero as que emigran non só son andoriñas.  Todos en Vilanova, menos vós , saben o dito aquel:

Catro aves escollidas
son as que pasan o mar,
o cuco e  a andoriña,
a rula e  o paspallás,

-¡Si que o sabemos!-  protestaron todos-.
No fondo da clase había un neno que levaba xa un cacho facendo acenos.  Era Miliño de Freixo.
-Quería saber quen lles di ás bolboretas que vai haber carta.
-Non llelo di ninguén , nin o saben. É que lles gusta a luz.  Fan coma os mosquitos, os escaravellos e  as avelaíñas, que baten contra os faros do tractor de teu pai  ao  escurecer.
Os nenos fixeron outras preguntas sobre das abellas, as  avésporas, as formigas, as lesmas... Entón o Lelo levantouse.
-¿Dá permiso, profesora?
-Sae.
O neno sabía de tres niños no paredón da horta nova  e  non aguantaba máis sen os ir ver.  Un era de carrizo, outro de lavandeira e   outro de paporrubio.  Estaban chocando.  Sabía de outro de pega e  outro de corvo no pico de cadanseu carballo.  Tiñan cría, pero era moi pequeno para agatuñar tan arriba.
Cando volvía para a escola, xa os máis saían ao  recreo.

Contact Us

Juan A. Thomas, Ph.D.

Juan A. Thomas, Ph.D.

Associate Professor of Spanish, Chairman of the Foreign Language Department
1600 Burrstone Rd
Utica, NY 13502
jathomas@utica.edu
(315) 792-3028

I would like to see logins and resources for:

For a general list of frequently used logins, you can also visit our logins page.