20 Filgueira Valverde

20 Filgueira Valverde

20 Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde(Pontevedra, 1906), historiador, político, escritor, e  alcalde de Pontevedra onde potenciou varios organismos culturais, coma o Museo de Pontevedra.  Escribiu moitas obras de historia (Adral (1979); 25 anos de historia 1959 - 1984)   e de biografía de  personaxes de Pontevedra coma Sarmiento de Gamboa (1980), e  Enrique Mac-Donnell y de Conde (1982) , de escritores coma Cunqueiro (1991), Losada Diéguez (1985) e de personaxes históricos coma Alfonso X (1987, 1980) ou Archivo de mareantes (1946, 1992). O seguinte conto, Os xogos, foi publicado por primeira vez en 1925 nunha antoloxía titulada Os nenos.  En 1971, Filgueira Valverde publicou Quintana viva que recolleu Os nenos máis outros contos, revisouno en 1990.

Daquela eu vivía nunha casoupa da Conga, aínda non tiña dez anos, era pobre, moi pobre, morrera o meu pai e a miña nai era lavandeira.
Na Quintana xogaba a cotío, rebuldeiro, cos meus amigos. Un era Xilo de Pitelos, un rapaz branco e estasiado, un pouco nugallán, pero moi bo, que coñecera na escola da Algalia.  Outro era Gorecho, de San Francisco, mouro, croncho e moufeira, un brégolas a quen por vez primeira falara no río do Cuartel. O outro chamábase Lelo e  era un saloio da banda do Sar.
Mais eu tiña outro amigo, belido, feituquiño, loiro, asalloso, chamábanlle Fis Airas e  Sanches de Ulloa e  vivía nun pazo da rúa do Vilar.  Endexamais souben por que fora meu amigo nin por que eu o fora del.  Todos os seráns cando os ferrollos do reló da Catedral escomenzaban a renxer para dar as bateladas das tres, Fis e  a súa ama cun feixe de xoguetes subían as escadas da Pratería.  Todos os seráns cando o sino do coro tanxía Vésporas, Fis coa súa ama e  o feixe de xoguetes saía pola Conga abaixo.
Na envexa con que eu ollaba para Fis agachábase un fondo desprezo.  Fis era rico, tiña unha roupa albeira e  cariñenta, tiña xoguetes, mais non choutaría dun brinco sete escadas, nin gabearía, cal eu por un pexegueiro. No desprezo con que Fis ollaba para min, gardábase unha tola envexa, eu era un rachado, un brégolas, un borrallento, mais ficaba xogando na praza ata que saían os coengos, en troques que el se ía cando entraban.
Un día fuxiu da súa ama e  chegándose a min preguntoume:
-"¿Ti ficas aquí moito tempo xogando cando eu marcho?"
Eu estaba cheo de vergoña.  Non sabía falar cun neno da vila.
-¿E   ti para que queres sabelo?
-Direiche, é para saber se a sombra da catedral cobre aquela laxe.
-Cando hai sol cóbrea e  aínda chega ata acolá adiante.
- ¿E ti vela chegar porque non das lección coa francesa?
- Non señor, ¡que vou dar!
O neno da vila mordeu os labios, aqueles beizos pequerrechiños que tiña e  sorriu tristeiramente.  ¡Era triste, moi triste dar lección coa francesa!
Aquel serán Xito, Gorecho e  Lelo ríronse de min a cachón porque falara cun neno rico e  a ama de Fis berroulle por falar cun neno probe.
Desde entón, sen saber por que nin por que non, xuntos pola desgracia, Fis e  eu fomos amigos.

Filgueira Valverde, Os xogos  en Quintana viva, Galaxia, Vigo 1990, p 17- 19.

Contact Us

Juan A. Thomas, Ph.D.

Juan A. Thomas, Ph.D.

Associate Professor of Spanish, Chairman of the Foreign Language Department
1600 Burrstone Rd
Utica, NY 13502
jathomas@utica.edu
(315) 792-3028

I would like to see logins and resources for:

For a general list of frequently used logins, you can also visit our logins page.