4 O corpo humano

4 O corpo humano

LECTURA   O corpo humano   O Lelo leva xa un ano indo á escola.  A señora mestra quéreo moito e el vai sempre de moi boa gana. Érguese cediño e vai dereito ao cuarto de baño.

Pasa unha xarapelada de auga polo nariz, pola testa e polas meixelas e parécelle que xa vai lavado abondo.  Claro, detrás vén a nai e  refrégalle ben as orellas, o pescozo e  outros recantos onde non entra a auga polas boas.

Despois de lavadiño, el mesmo, diante do espello, pasa un peite pola cabeza.  Peitase cun carreiro ao lado.  Dá xenio velo polas mañás tan lambidiño.

Come unhas galletiñas con leite que lle saben moito, e  marcha ás carreiras cara á escola, brincando de pedra en pedra.  Hai uns días, ao dar unha alancada esborrexeu, e, amais de torcer un pé, rabuñouse todo polas pernas e polos brazos.  E aínda foi sorte que non partise ningún dente, porque tropezou coa boquiña contra un canto e fendeu o beizo de baixo.  Chegou á casa chorando coma un perdido, feito un mar de bágoas.

Na casa, con quen mellor se leva o Lelo é  co avó.  Está sempre subido no colo del pedíndolle que lle conte historias.  O avó, que non ve por outro ollo, énchese de facerlle aloumiños.  O que mais gracia lle fai a Lelo de todas as lerias é o nome dos dedos da man:  matapiollos, furabolos, o pai de todos, o medianiño e o pequeniño.

O outro día levouno o pai a Santiago, e como a ilusión do pequeno é  a de ser médico o día de mañá, levouno a ver o Hospital.  Mentres estaba aló chegaron con varios homes feridos de accidente de coche.  No choque rompeu as costelas o conductor e as canelas o que ía ao  lado.  Dos de atrás un esnogara un   óso do brazo polo ombreiro e do outro tiñan medo que levase roto o espiñazo por algún sitio.  O neno espantouse de ver tanto sangue e de sentir tanto berro.  Tampouco lle agradou o cheiro que había polos corredores do Hospital.  Volveu para a casa todo tristeiro porque non coidaba chegar a ter peito para levar ás costas unha profesión de tanta responsabilidade.

Lelo é  moi atravesado, coma todos os nenos do seu tempo.  Está sempre facendo trasnadas.  Non pasa un día sen que teña unha agarrada co neno do viciño.  Por menos de nada danse de moquetóns.  Raro  é  o día que non chega á casa sen alento, con rabuñóns na cara, trabadas nas orellas, inchóns no queixo, mazaduras nas nádegas, croques na testa.  Están tremendo que a calquera hora chegue á casa cos miolos fóra, cunha cella partida, ou co ventre esfolado.  ¡Xa lle podía saír a moa do xuízo!

Contact Us

Juan A. Thomas, Ph.D.

Juan A. Thomas, Ph.D.

Associate Professor of Spanish, Chairman of the Foreign Language Department
1600 Burrstone Rd
Utica, NY 13502
jathomas@utica.edu
(315) 792-3028

I would like to see logins and resources for:

For a general list of frequently used logins, you can also visit our logins page.